Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Fene ganará 200 prazas de aparcamento en pleno corazón comercial e hostaleiro do municipio


O consistorio acordou a cesión temporal de tres solares situados nas inmediacións de Marqués de Figueroa e a rúa da Fraga, en Perlío, e cunha superficie conxunta de 6.000 metros cadrados

O Concello de Fene acaba de asinar cos propietarios os acordos de cesión de dúas parcelas de 4.000 metros cadrados situadas entre a rúa da Fraga e o río Cádavo, co obxectivo de habilitar unha grande zona de estacionamento no centro urbano e comercial do municipio. Estas dúas cesións súmanse a outra rubricada recentemente por un predio de 2.000 metros cercano á Praza Verde. O Goberno local calcula que, unha vez acondicionados, os tres solares terán capacidade para uns 200 vehículos.

Os acordos consisten, a grandes trazos, nunha cesión gratuíta dos solares durante catro anos -prorrogables despois por acordo das partes- a cambio de que o Concello se ocupe da súa limpeza e mantemento.

Nos tres casos trátase de chan urbano sen edificar que nestes momentos se encontra cheo de maleza. O Concello rozaraos proximamente e despois converteraos en espazos para aparcar cunha capacidade aproximada de 200 prazas. “Unha cantidade moi importante con respecto ao que temos na actualidade”, puntualiza o alcalde, Juventino Trigo.

A intervención municipal trala limpeza dos solares non implicará obras permanentes, senón que se buscará unicamente “regularizar e reforzar o chan para que no inverno non haxa fochancas e que no verán non se ergan nubes de pó. Un impacto mínimo nas fincas, xa que non están cedidas permanentemente ao Concello e ademais están afectadas pola proximidade do río e incluso por Patrimonio”, explicou Juventino Trigo.

O rexedor agradeceu “a disposición dos propietarios para colaborar co Concello” e engadiu que os negocios da zona levaban demandando “moitos anos” que se ampliasen as prazas de estacionamento nas inmediacións do que é, de feito, o principal eixo hostaleiro e comercial de Fene.

O concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, destacou que os convenios “son beneficiosos para ambas partes”, posto que se libra aos titulares dos custes de conservación ao tempo que as inmediacións de Marqués de Figueroa e da rúa da Fraga ganan 6.000 metros de superficie destinada a aparcamento “nunha zona céntrica, ao carón do río, limítrofe entre Fene e Perlío, a escasos metros da zona comercial e preto de moitos outros servizos como son o propio Concello, Correos, o Centro de Saúde ou Viaqua”, explica Polo.

Máis chan para usos públicos
O edil responsable de Urbanismo insistiu en que a cesión gratuíta das tres parcelas -dúas á beira da rúa da Fraga e outra nas proximidades da Praza Verde- terá unha vixencia inicial de 4 anos, con posibilidade de que se prorrogue con posterioridade.

Porén, Polo tamén recordou que o orzamento municipal aprobado inicialmente hai tan só dous días recolle unha partida de 200.000 euros para a adquisición de terreos noutros puntos do municipio co obxectivo de destinalos a usos e equipamentos públicos.